Thursday 02 de May de 2024

O alcalde de Boqueixón visita aos 38 nenos e nenas que participaron no Campamentos de Verán en Vilanova de Arousa


Cunha temática condutora baseada no mundo de Harry Potter, a rapazada desfrutou dunha semana de actividades deportivas, natureza, multiaventura e náutica

Un total de 38 nenos e nenas de Boqueixón, tanto de educación primaria como de secundaria, participaron do 23 ao 30 de xuño nos Campamentos de Verán 2021, unha iniciativa do Concello boqueixonés para facilitarlles a participación en actividades educativas e de tempo libre durante eses primeiros días de vacacións escolares.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, aproveitou a derradeira xornada dos campamentos para visitar á rapazada en Vilanova de Arousa, onde puido comprobar de primeira man o desenvolvemento dos mesmos. Unha iniciativa que tivo como fío condutor o mundo de Harry Potter, con actividades relacionadas coas novelas de J.K. Rowling e co reparto da rapazada segundo as casas de Hogwarts: Ravenclaw, Slytherin, Hufflepuff e Gryffindor.

Durante sete días, os nenos e nenas de Boqueixón desfrutaron de todo tipo de actividades acuáticas (piragüismo, paddle surf, bodie board, skin boar, snorkeling…), multiaventura (tiro con arco, supervivencia, slackline, laser tag…), culturais (ioga, veladas nocturnas…) e natureza (con saídas para coñecer a súa contorna). Actividades mesturadas, novamente, coa temática de Harry Potter, como o campionato de Quidditch.